Bolboretiña | Repugnante e repunantes

As palabras teñen vida propia en cada lingua, por iso conteñen matices distintos que se van consolidando co paso do tempo en cada unha. A palabra “exquisito”, por exemplo, en galego é hoxe sinónimo parcial de “delicioso” cando falamos dunha comida. Pero non se lle ocorra dicir en Portugal “exquisito”, pois ten alá principalmente o sentido de estraño e desagradable. E tampouco cualifique negativamente algo de “espantoso”, pois alá quere dicir sorprendente e estupendo. “Tenho uma sorte espantosa! Ja lá ganhei o euromilloes tres veces!”.

E do cultismo “repugnante” que causa repugnancia  -e aquí que cada un penso en algo que produza noxo ou asco- derivou en galego a outra palabra menos radical, sen o sentido forte e duro, que é “repunante”. Eu por exemplo, chamaríallo cariñosamente, a calquera persoa que coase o leite desmidesnatado para o café, ou a esoutra que vendo un cartel de URXENCIAS pide que llo poñan bilingüe porque di que non entende e que o castelán tamén é oficial.

Por certo que a RAG non lle dá entrada propia a "repunante". Para min que o seu criterio é un pouco “repunantiño” aínda que, por suposto, non “repugnante”, pois non produce ese asco ou noxo asociado á repugnancia.

Te puede interesar