Cultura

Academia Belas Artes felicita a Lugo pola restauración de piscina romana

Cultura

Academia Belas Artes felicita a Lugo pola restauración de piscina romana

A Real Academia Galega de Belas Artes remitiulle unha carta ao alcalde de Lugo, o socialista José López Orozco, para felicitar o Concello pola recuperación e posta en valor da piscina romana atopada a mediados do século pasado no subsolo da praza de Santa María, en pleno centro da zona histórica da capital lucense.

A carta recibida polo Concello da capital lucense é a consecuencia dun acordo acadado polo pleno da Real Academia Galega de Belas Artes, na sesión do pasado 28 de xaneiro, para felicitar a Administración local polo 'seu bo facer na exhumación, restauración e estudada musealización da piscina romana'.

Así mesmo, a misiva remitida pola academia estende esa felicitación ás 'actuacións relacionadas co patrimonio arqueolóxico' que levou a cabo o Concello de Lugo.

A piscina romana atopada a mediados do século pasado no subsolo da praza de Santa María pode verse 'in situ' a través dunha ventá arqueolóxica desde o pasado 24 de novembro, grazas aos traballos de recuperación proxectados polo Concello da capital lucense e financiados polo plan europeo Urban.

O Concello de Lugo encargoulle en 2010 o proxecto para recuperar ese importante elemento patrimonial á firma especializada Tomos Conservación Restauración, por un importe de 17.748 euros.

Posteriormente, adxudicoulle os traballos arqueolóxicos, por un prezo de 104.994 euros, á empresa Terra Arqueo.

A piscina foi descuberta no ano 1960, pero como naquel momento non había posibilidades de excavar o depósito, foi cuberta con area para conservala, ata que no ano 2004, con motivo dunhas obras de repavimentación da praza de Santa María, puido determinarse a súa situación exacta.

Trátase dunha piscina da época tardorromana, dos séculos III ou IV, que probablemente era propiedade dun particular.

Na súa planta rectangular poden apreciarse dúas ábsidas e un chanzo de acceso, cunhas dimensións aproximadas de 3,5 por 1,80 metros, ten capacidade para case 4.000 litros de auga.

A xefa do servizo de Arqueoloxía municipal, Covadonga Carreño, recoñeceu que ao non 'coñecer o contorno no que se sitúa', tampouco pode asegurarse se 'formaba parte dunhas termas ou dunha gran mansión', nin garantir con certeza se 'sería un baptisterio ou un frigidarum'.