Acordo para a dixitalización de fondos da biblioteca Penzol de Vigo

O conselleiro de Cultura e presidente do Padroado da Cidade da Cultura, Roberto Varela, asinou hoxe un convenio co vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta, para financiar a dixitalización de 521 documentos escritos e 931 imaxes do fondo da institución viguesa.
A Xunta destinará 50.000 euros para sufragar a dixitalización de textos, entre outros, de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Pondal, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Vicente Risco ou Valle-Inclán, e tamén de arquivos que se remontan ao século XII, informaron fontes da Administración autonómica.

Segundo recolle o texto do convenio, tamén se procederá á dixitalización da colección de fotografías do Fondo Ramón Otero Pedrayo, do arquivo da Fundación Penzol, composto por 913 unidades.

Estes fondos permanecerán conservados e poderanse consultar tanto na Fundación Penzol como, telematicamente, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Tras a sinatura do convenio, o conselleiro de Cultura describiu o patrimonio da Fundación Penzol como 'un tesouro de valor incalculable' a un tempo que 'unha colección indispensable para calquera que desexe achegarse' á historia da literatura e da lingua galegas.

Así mesmo, puxo en valor este proceso como un paso na 'consolidación e o crecemento continuo de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia'.

Te puede interesar