Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Fiscalía a Roberto Varela por non protexer o castro de Atalaia en Cervo

Foto: EUROPA PRESS
Os colectivos ecoloxistas Adega e Mariña Patrimonio presentaron este mércores ante a Fiscalía de Lugo unha denuncia contra o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, por 'non velar pola conservación do depósito arqueolóxico' do castro de Atalaia, situado no municipio de Cervo.
Representantes de ambas as dúas organizacións compareceron en rolda de prensa para concretar que a denuncia a presentaran na mañá deste mércores en Lugo, unha denuncia que creen que finalmente se sustanciará a través da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O voceiro de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, precisou que hai un ano que a Dirección Xeral de Patrimonio resolveu que o construtor ao que o Concello de Cervo concedeu licencía para a construción de tres edificios sobre o castro tapase o depósito, que non descartan que mesmo fose un porto romano dado o achado dunha 'grande cantidade de cerámica importada'.

Nesta liña, Manuel Miranda recordou que a Lei de patrimonio 'obriga' á Xunta a conservar os depósitos inventariados, como é o caso.

'Pasou un ano e non se actuou. Nós sabemos que o construtor non ten ningunha intención de tapar e o que pedimos é que o conselleiro, que é o máximo responsable de que se conserve o depósito arqueolóxico e que se actúe, que non están a actuar, e a Lei de Patrimonio obriga á Xunta a que este depósito, inventariado, que se conserve e non se está a conservar e estase a destruír. Día a día nótase un abandono moi grande', recalcou Miranda.

Pola súa banda, Froilán Pallín, de Adega, concretou que 'conxuntamente aínda que con dúas denuncias por separado' ambos os dous colectivos decidiran denunciar o conselleiro 'por non actuar'. 'Entendemos que a importancia arqueolóxica é fundamental, é importantísima, que hai unha obriga de protexer ou actuar. As leis obrigan a todos, e polo tanto, os responsables destes feitos, que entendemos que son delituosos, teñen que responder', subliñou.

Tamén queren converter esta denuncia na Fiscalía 'nunha chamada de atención para todos os responsables políticos e técnicos que non cumpren coas súas obrigas'.

Te puede interesar