Alba Editora saca ao mercado 3.000 exemplares da edición bilingüe de 'Longa Noite de Pedra'

A Deputación de Ourense colabora na iniciativa, que está a ser 'moi ben recibida' fóra das fronteiras galegas
Alba Editora distribuíu ao redor de 3.000 exemplares da edición bilingüe de 'Longa Noite de Pedra' en 1.500 puntos de venda de toda España para difundir a obra de Celso Emilio Ferreiro fóra das fronteiras galegas.

Esta publicación forma parte do conxunto de actos conmemorativos do centenario do nacemento do literato e dunha colección que a editorial saca ao mercado nacional para dar a coñecer a cultura e literatura galegas.

O libro foi presentado este martes na Deputación de Ourense, institución que colaborou economicamente na iniciativa. O acto contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Manuel Baltar; o director literario de Alba Editora, Xosé Antonio Perozo; o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño e o fillo do escritor ourensano, Luis Ferreiro.

Na súa intervención, Manuel Baltar sinalou que esta edición bilingüe en galego e castelán supón dar 'unha volta' a esta obra 'duradeira, intemporal e vixente', con motivo da efeméride do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

A DEPUTACIÓN, 'A PRIMEIRA INTERESADA'

De feito, apuntou que a Deputación ourensana é 'a primeira interesada' en 'expandir' a cultura da provincia, que cualificou de 'universal'. Engadiu que se trata dunha obra absolutamente recomendable e un referente permanente non só pola calidade dos seus textos senón tamén pola súa visión social e pola pegada da súa obra e a súa traxectoria'.

Pola súa banda, o director literario de Alba Editora, Xosé Antonio Perozo, sinalou que a edición deste libro responde á decisión de facer de 'Longa noite de pedra' un libro 'diferente' que 'se coñecese en España ademais de en Galicia' porque na Comunidade galega 'hai edicións excelentes, pero fóra dificilmente se podía atopar unha edición bilingüe'.

Segundo sinalou, a tradución 'é actualizada' e tanto esta como a introdución do libro correu a cargo do profesor Ramón Nicolás, que é o seu biógrafo 'máis recente' e a persoa 'que máis coñece' a obra do escritor ourensano.

'LIBRO COLORISTA'

Mentres, a ilustración é obra de María Lides que 'é unha ilustradora de literatura infantil' e que fai que este libro 'sexa un libro colorista' que 'pon en valor a lírica e a poesía de Celso Emilio Ferreiro máis alá do compromiso político'.

Xosé Ramón Perozo asegurou que estas dúas sinaturas son unha 'garantía' para obter un libro, 'ademais de polo seu contido', que sexa 'un obxecto cobizado'. 'Estamos convencidos de que quen compre este libro non o vai facer por ler soamente Longa Noite de Pedra senón que o vai facer polo que representa co seu formato e tapa'.

Neste sentido, mostrouse 'satisfeito' porque os 3.000 exemplares distribuídos en todo o territorio nacional están a ser 'moi ben recibidos fóra de Galicia' e que 'diarios nacionais van sacar boas críticas' nas próximas semanas'.

Te puede interesar