Entrevista

Alfredo Conde: “Cando era mariño non había un barco sen un galego, somos de mar"

O Barco de Valdeorras. 27-06-16. Provincia. Foro La Región con Alfredo Conde.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Alfredo Conde, nunha presentación en Ourense. (Xesús Fariñas)
O alaricano Alfredo Conde presenta este mércores o seu libro "Homes de Ferro"

Cando Ézaro Ediciones lle encargou a Alfredo Conde (Allariz, 1945) que novelase a aventura dos catro irlandeses que emprenderon o Camiño por mar dende Dublín ata Compostela, o escritor pensou en "O vello e o mar" de Hemingway. E nalgunha outra película de naufraxios. "Era un reto, e a min os retos vanme", conta. Hoxe mércores ás 19,30 horas presenta "Homes de Ferro" na librería Káthedra (Valle Inclán, 14).  O libro dos catro amigos a bordo do Naomh Gobnait, o bote que eles mesmos construíron e que se converteu en emblema do descoñecido Camiño por mar, é parte do programa O teu Xacobeo da Xunta. O texto será traducido ao español e ao inglés, pero, moi probablemente, tamén será levado ao cine. A idea é unha coprodución entre Galicia, País Vasco, Gran Bretaña e Irlanda. A Asociación Galega do Patrimonio Industrial (Buxa) desenvolve o proxecto cultural de reconstrución do barco e xa ten unha web (caminopormar.com) que pode ser o punto de partida do gran proxecto audiovisual.

Avisa de que non pretende unha biografía. Como son os mariñeiros que imaxina?

O único do que eu me sentín capaz era de imaxinarme a min, facendo o que eles fixeron, porque eu fun mariño. Naveguei, non tanto e tan azoutadamente, máis a vela que a remo… Pero é un exercicio de instrospección no que tiven que evitar tentacións moi grandes, como o tema relixioso. Están facendo o Camiño de Santiago por mar. Que sei eu da relixiosidade de cada un deles e que dereito teño para imaxinala? O que si imaxino son os valores positivos que se empeñan na aventura, de atreverme a que a miña interpretación non lles guste. Pero esa é a liberdade e o risco do novelista, a uns gustaralle e a outros non.

No principio si menciona a presenza dun abade.

Porque levaron á abadía o texto irlandés da Biblia. Estaba en moitos idiomas pero non en gaélico. Pode ser pola conveniencia de que os textos sagrados estean no idioma. Decidín optar por esa vía antropolóxica, das experiencias de Plácido Castro que escribiu hai un cento de anos, esa compoñente máis humana, das relacións entre Irlanda e Galicia, moi antigas e que veñen de moi lonxe. E que aínda non son coñecidas e recoñecidas.

O libro está dentro do programa do Xacobeo. Cre que a partir de agora se porá en valor o Camiño por mar?

Creo que curiosidade esperará. Si se fai a serie ou a película, moita máis. Que veña moita xente navegando, algunha máis virá… Pero hai que ter barco e experencia. Para facer como eles, navegación por costas complicadas, hai que botarlle moito peito, e máis aos 60 anos que tiñan eles. Se son de vintepico os que o intentan, fracasan.

Galicia ten moita presencia na novela. Esta fazaña puiderona facer tamén galegos. Non?

Si, xogo moito con iso no título. "Homes de ferro" era o que se dicía en Islandia dos mariñeiros galegos que ían alí ao bacallau. Deles dicían que eran homes de ferro. Cando eu era mariño, non había un barco no mar que non levara un galego a bordo. Somos moi bos mariñeiros, somos homes de mar. E os irlandeses tamén, aínda que non sei se tanto coma nós.

Que empurra o home ao mar? A liberdade?

E a curiosidade e a aventura. Bótao ao mar o ver o que hai ao outro lado dos montes. As peregrinacións existen dende os primeiros tempos. Hai quen fala de espírito celta, non creo moito niso. Creo na necesidade que te empuxa a emigrar.

Que sabe da posible serie a partir de “Homes de ferro"?

De momento, é posible que se faga unha coprodución con Galicia, País Vasco, Gran Bretaña e Irlanda. Non sei máis. Ogallá. 

Te puede interesar