O BNG considera 'escandaloso' o xuízo a Callón por 'defender' o galego

O grupo do BNG no Parlamento de Galicia presentou unha pregunta na que se interesa pola opinión do secretario xeral de Política Lingüística sobre o xuízo ao que se enfrontará o vindeiro venres Carlos Callón, e considera 'escandaloso' que o xulguen por 'defender' o galego.

Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), será xulgado o vindeiro 10 de febreiro na Coruña por recriminarlle ao xuíz decano da cidade, Antonio Fraga Mandián, que incumprise a Lei de normalización lingüística.

O presidente da MNL xa compareceu nos xulgados de Santiago de Compostela o 16 de decembro de 2010 tras ser denunciado por Fraga Mandián, ao que criticara por utilizar a 'ilegalidade' do topónimo La Coruña.

O xuíz denunciou en 2008 un veciño da Coruña por solicitar que se lle remitise a documentación en galego e co topónimo oficial, e no xuízo contra el, o maxistrado declarou, segundo transcendeu nos medios de comunicación, que non tiña ningún rubor en usar a ilegalidade de La Coruña.

Ante este xuízo, o deputado do BNG Beito Lebeira pregúntalle ademais ao Goberno autonómico se ten prevista algunha actuación ante o poder xudicial para facer valer os dereitos lingüísticos dos galegos e garantir o cumprimento da legalidade en materia lingüística e toponímica.

Por último, pregunta se o poder xudicial en Galicia está tamén suxeito ao acatamento desa legalidade e en caso afirmativo se llo fará saber así ao xuíz Fraga Mandián.

A Mesa cualificou o xuízo contra Callón como un caso de 'criminalización das opinións e da lexítima defensa do galego', e lembra que aínda que a denuncia foi inicialmente desestimada, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se realizará o venres.

Con motivo deste xuízo, a Mesa fixo público o manifesto 'Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!', ao que se poden adherir os cidadáns que o desexen a través do correo electrónico [email protected]:

O devandito manifesto destaca que desde 1983 a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nomes de lugar teñen como única forma oficial a galega.

Te puede interesar