A bolboretiña do día | O campo da ruptura

Chamámoslle familia léxica a todas aquelas palabras relacionadas cunha mesma raíz, como por exemplo leite, leiteira, lácteo... ou chuvia, chuvasco, pluviosidade, independentemente de que a raíz cambie algo por evolución do latín. Chamámoslle, pola contra, “campo semántico” a aquelas palabras relacionadas cun tema: se digo, verde, azul, vermello, laranxa, sabemos que é o campo das cores. Pois ben, non en todas as linguas as palabras de cada campo son exactamente iguais. Resulta curioso que os ingleses non teñan unha palabra para “vostede” distinta de “ti” -you, din para ambos- ou que os xaponeses teñan sete, para un respecto familiar, para un xefe no traballo, para un subordinado no traballo, para un descoñecido, etc.

Nós, por exemplo, para o campo das cousas que se rompen -a forma que abrangue todo- temos moitas comúns co castelán (romper, partir, tronzar, quebrar) temos outras moitas moi propias e expresivas que debemos potenciar porque, se saen da cadea da fala, acaban por esquecerse. Esgazar, esgázase a roupa ou as pólas da árbores (enganchou cunha punta e esgazou o pantalón). Rachar é romper con forza (rachoulle o libro). Escachar é romper en cachos (non se pode facer tortilla sen escachar os ovos). Esnaquizar é partir en pequenos fragmentos, en anacos (caeulle o vaso de duralex e esnaquizouse complementamente). Tamén escachizar, con este mesmo valor (o coche espetouse contra o escaparate e quedou o cristal todo escachizado). Cóidense.

Te puede interesar