Cultura

A bolboretiña do día | Cerrar e pechar

Cultura

A bolboretiña do día | Cerrar e pechar

Son significados tan próximos que teñen o mesmo antónimo, "abrir". E de feito, moita xente venos usando de forma case indistinta e sentindo “máis galega” pechar por ser diferente do castelán. Vamos ver. Vou recorrer ao inglés. En inglés "cerrar", sábeno todos vostedes é “to close”. E "pechar con chave", “to lock”. Así pois, nós en galego, podemos facer esa distinción tamén con estes dous verbos. Eu podería dicirlle a alguén: “Cerra a porta, pero non a peches”, e entendería que encaixase a porta no marco, pero sen pasarlle o pecho ou a chave. O pecho, se é moi grande, é un "ferrollo" e se é pequeno e vai cunha cabeza en forma de gancho para meterse nunha argola ou burato, é unha "cavilla" ou "caravilla". Pero como son tan próximos os significados tamén pode un dicir de alguén que morreu que “pechou os ollos”.

E en Portugal uns comercios poñen “encerrado” e outros “fechado”. Tamén hai moitos galegos que din “fechar” e “fechado”, pero a min, non me entra polo ollo. Sei dunha profesora que mandou “fechar” os sobres dos exames... e moitos puxeron a data.