A bolboretiña do día | Deputación e familia

Non vou falar de máis familia que a da palabra Deputación que fai, si, 200 anos en canto a institución provincial excelentísima. É palabra moi vella, unha das moitas que se constrúen sobre o verbo latino “pŭtare” que significaba “pensar, considerar, contar, calcular, limpar, podar”. Así, coa preposición “de” mais a raíz, sairía a palabra “deputado” sería aquel encargado de facer estas cousas coa xestión pública, e “deputación” o encargo de facela, e logo a institución provincial. Próxima está a palabra “disputación” -vella forma de disputa-, e o verbo disputar, que empeza co prefixo dis- separado, afastado- e que significa, como saben examinar ou discutir o que se pensa, considera, etc. O malo da familia  é  “imputar” -con ese in, de apoñer algo negativo ao que se pensa sobre alguén. E o bo, é o “reputar” e “reputación”, que con ese “re” de volver sobre algo fai unha consideración positiva do que se considera ou pensa sobre algo. En todas as familias hai de todo.

Te puede interesar