A bolboretiña do día | Falemos de mariscos I

Estando no tempo que estamos non é mala cousa falar do marisco. A palabra marisco é común aos romances ibéricos e fórmase sobre “mar” e o sufixo “isco” como petisco, basilisco ou mordisco. Franceses, italianos e romaneses din, con candansúa variación “froitos do mar” para distinguilos dos peixes. Por certo que nós usamos a palabra “peixe” tanto para o que está no mar como para o que xa foi pescado e está no mostrador. Podémoslle preguntar á amiga peixeira: “Que peixe ten hoxe?”  moito máis que “Que pescado ten hoxe?”. En castelán quedaría ridícula a tradución: “Que pez tiene hoy?”. Cando o castelán se foi formando, nos tempos medievais,  o mar de Castela non era o Mediterráneo -era reino de Aragón- nin o do sur -había mouros por alí-. Polo norte estaban os vascos que falaban raro e logo os santanderinos, que eran poucos e logo os asturianos e os galegos. Por iso a maioría das palabras do mar en castelán proveñen do galego. “Costa” por exemplo, porque a beira do mar está en “cuesta”. Acábase o espazo, mañá, métome co marisco. Este era para facer boca.

Te puede interesar