A bolboretiña do día | Túnel

Faláballes onte to túnel da Cañiza. Tamén é curiosa a palabra túnel. Para empezar, como todas as graves, as que levan o acento na penúltima sílaba e rematan en ele, fan o plural engadindo -es. Así, túneles, áxiles, fáciles, etc. Porque saben que as outras, as agudas, que rematan en ele, fano cambiando o ele por ese, na fala tradicional da nosa zona (así dicimos, dous reás, os papés do seguro, os garda civís, etc.) pero noutra boa parte de Galicia fano no que quedou como estándar, en -is. Así, hoxe xa, toda persoa que é entrevistada en calquera sitio e quere aparecer como falante coidadoso, di  “Os exames parciais...”, “os papeis precisos”, etc. 

Volvo ao túnel para darlle un pouco de claridade. Vénlles a palabra dunha forma inglesa  exportada en paralelo ao tren -século XIX, finais-, “tunnel” que vén así mesmo da forma francesa “tonel” -barril, pipa, cuba- que ten que ver con “tona” o que está na superficie ou ao redor, e acabou tomando o valor, de oco tubular por debaixo da superficie para pasaren vehículos de transporte de mercadorías ou persoas. Cando están funcionan, claro. Antes, a todo burato por debaixo da superficie chamábaselle “mina”, como parcialmente conservamos nós.  Por certo que os romanos tiñan unha pena, superior á de morte que era a damnati ad metalla que era traballar nunha mina, sen saír dela, ata a morte. Que non sei se sería de aplicación aos que teñen o túnel pechado. Ou el será moito?

Te puede interesar