A bolboretiña do día | Mariña e Marina

Hai unha palabra que se puxo de moda desde o mediterráneo italiano que é “Marina” para referirse ás instalacións de apoio e servizos ás pequenas e medianas embarcacións de recreo, cos seus “pantaláns” -palabra que nos veu de estarmos en Filipinas-, distinguíndose dos portos cos seus “peiraos” -ou molles- que serían de barcos de traballo ou transatlánticos. En Faro, Valencia, Barcelona, hai grandes “marinas”. E en Baiona e Sanxenxo, aínda que aquí a palabra non prendese. Tamén con ene é en portugués, o verbo “marinar”, do francés “mariner”, e din “marinada” (mestura de condimentos onde se somerxen peixes ou carnes para conservar ou que gañen sabor). O galego dubida de se usar así ou con eñe. Na fala tradicional “mariñar” é facer vida no mar. Dicía García Ferreiro, poeta ourensán, no XIX, “Os mariñeiros volven de lonxe derrenguados de mariñar”. En fin, mariña, na fala popular, pódese referir ás terras próximas ou cousas do mar ou á armada “A pesca mariña, ou a Mariña lucense, ou á mariña rusa que anda polo mar Negro”. Pero para formadas con prefixos en tempos modernos, prefírense as formas sen eñe. Así, “a fauna submarina”, “Un submarino nuclear” ou unha “tenda de ultramarinos”. Seica.

Te puede interesar