A bolboretiña do día | Oír

undefined

Vamos ver, do latÍn “auscultare” pasouse por vía popular a “escoitar” sen moito problema. Pero do latín “audire” houbo unha dobre derivación. A través dun primeiro “ouir” acabaron saíndo outras dúas: “oír” - forma case única nas Cantigas de Santa María- e, tamén “ouvir” forma moi usada nas aldeas de Ourense e case única en Portugal. A verdade é que dicir “ouir” era complicado e ben se reducía ou ben se lle metía outra consoante que apoiase. O problema é que a conxugación de “ouvir” é un tanto complexa, sobre todo no presente de indicativo (ouzo, ouves, ouve...) e de subxuntivo (ouza, ouzas, ouza..) e nin en todas as zonas se fai así. A norma recolle as dúas, pero, sen dúbida, a xente prefire “oír”. Que en castelán sexa así, axudou, claro. Pero non esquezamos que Afonso X -que parvo non era e algo de galego sabía- sempre dicía “oír”. Como por exemplo; “Maravilloso milagre de oír/ vos quer’eu ora contar sen mentir/ de como fez o diabro fogir”. Digan ou digan outro. Falan ben.

Unha curiosidade, tamén usamos o verbo “sentir” como sinónimo de escoitar. “Non te sentín cando chegaches da trasnoita”... O italiano, igual. De aí, vénnos, vía militar de cando andaban os españois enredando por alá, a palabra “sentinela”, o que queda a escoitar de noite a ver se “sentía” chegar a alguén. Os españois pasaron a dicir “centinela” por equivocación.

Te puede interesar