Cultura

A bolboretiña do día | Unha piollada

Cultura

A bolboretiña do día | Unha piollada

Perdoen pero isto que lles vou dicir non lles é piollada ningunha, polo menos para min. Na miña fala “unha piollada” é unha cousa mínima, sen importancia nin transcendencia na que unha persoa repara en exceso. Eu podería dicir “Déixate de piolladas e tira para adiante” para que un non se pare en cousiñas sen importancia que dificultan o avance. Pero busco piollada e non me aparece no dicionario da RAG. E miro noutra páxina preciosa, na dos Dicionarios de dicionarios da lingua galega -están todos xuntos- e só me aparece no mesmo sentido que ten -tamén no portugués actual- “piolleira”, grande abundancia de piollos. E vou e miro nos textos literarios doutra marabilla, o Tesouro infomatizado da lingua galega, onde se topan baleirados máis de 3000 artigos e libros entre 1612 e 2013, e só a topo dúas veces, e as dúas no sentido de moitos piollos. Mentres outra cousa non me digan, pensarei -cústame- que é palabra familiar. E tamén uso moito a expresión de “piolla” en sentido despectivo... Podería dicir: “É un señorito da poilla” ou “É malo que che encarguen traballos da piolla”, ou sexa, ruíns e mal pagos. Usan vostedes estas palabras? Se as usan, sigan. Que a cadea da fala non rompa.

Te puede interesar