A bolboretiña do día | Praia América

Como lles falei de Sanxenxo, onte, hoxe toca Praia América, claro. Este é o que se chama un topónimo exótico, e sabemos todo del. Inventouno un señor, industrial de bebidas en Buenos Aires, que se chamaba Manuel Lemos -ten un busto no medio da praia- e que foi o ideólogo da construción do triángulo Virxe da Roca –Monteferro- Praia América. Comprou e urbanizou a vella Area Loura -ou Praia Lourido, por estar ao pé deste monte- e bautizouna co seu nome actual, como homenaxe ao mundo no que se enriquecera. Curioso que a palabra vella para as praias sexa “area” (repasen a cantidade delas que aínda conservan ese nome: Area fofa, Areas, Area Gorda). Alí, no medio de Praia América, hai unha urbanización grandísima que conserva o vello topónimo “Area Loura” aínda que moita xente pronuncia “Área”. Pode que o de “loura” veña da cor da area ou como o Monte Lourido, do louro ou loureiro que tanto abunda na zona.

Te puede interesar