Bolboretiña do día | Rapaces e rapazas

As aves rapaces -miñatos, azores, aguias, etc. - chámanse así por vir dun adxectivo neutro latino, rapax-rapacis, da familia de raptor, rápido, que se apodera, etc. e relacionado tamén con rapina (roubo, saqueo) pois veñen ambas dun “rapare”, levarse algo con violencia, e de onde vén tamén o inglés, rape, violación. En fin, é lóxico que sexan aves rapaces, e non rapazas, pois está usando da forma que vén do adxectivo neutro latino e non hai que complicar a vida.

Seguramente, o nome da xente nova, rapaces -co seu feminino rapazas- proveña desta velocidade da vida xuvenil. Como saben, nós tamén temos como sinónimo a forma “raparigo e rapariga”. Os portugueses, pola súa banda, usan, sobre todo na lingua común, con moita preferencia “rapaz” e “rapariga”. As formas “rapaza” e “raparigo” só aparecen moi no norte, onda nós.

En fin, nós para a xente nova, temos as elásticas palabras de mozo e rapaz, e certamente, creo que “chico” ou “chica” debemos reducilos ao seu aspecto adxectivo de pequeno: Estas bolboretiñas son moi chicas -ou pequeneiras- para non cansalos.

Te puede interesar