A bolboretiña do día | Refráns de febreiro

Ben vemos que cómpre que chova, é certo. “Moita auga en febreiro, moito trigo no graneiro” pois “Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo lameiro”. Tamén hai referencias a que é tempo de neves, pero non moi persistentes “Neve febreiriña, tarde ben e logo camiña”. Ou un máis simpático “Que non dure máis a mala veciña, que a neve febreiriña”. O que está claro para o refraneiro é que “Febreiro quente, trae o demo no ventre” ou “Se en febreiro ver verdexar, bótate a chorar”. Porque se as plantas agroman xa, despois coas xeadas será peor. Por iso, poeticamente, tamén se di “Come máis un día de sol en febreiro que tódolos cabalos do reino”. En fin, hainos conciliadores: “Febreiro, unha raza de sol e outra de bulleiro”, por iso, “En febreiro, sete capas e un sombreiro”.

E os días medran: “Polo san Matías (día 24) dá o sol polas umbrías, quentando as augas frías”, pero xa o fan desde o comezo, “Polo san Brais, hora e media máis”. Pero está claro que andamos no medio do inverno e dise de moitos xeitos enrevesados “Cando a Candelaria chora, vai o inverno fóra; se ri, está o inverno por vir, e que ría que cante, hai inverno por atrás e por adiante”. É mes de mala fama, moi mala: “Febreiriño curto (corzo, moucho, louco) cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non quedaba nin can nin gato”... ao que algúns engadían: “nin rato no burato, nin ovella con pelella”. En fin, son só 28 días. Logo pasan.

Te puede interesar