A bolboretiña do día | Refráns de marzo

Tamén mala fama: “Marzo enganador, se un día é ruín, o outro é aínda peor”. Se cadra é polos cambios de tempo, “Marzo varía, sete veces no día” ou “Marzo, marzadas, vento, frío, sol e saraibadas”. Deses cambios, o famoso “Marzo, marzán, pola mañá cara de rosa, pola tarde cara de can”, que ten moitas variantes: “Marzo, marzán, pola mañá cara de can, polo mediodía, sol de raíña e pola noitiña corta como unha fouciña”. Incluso pode vir algunha neve de pouca dura: “Neve marzá, vén á noite marcha á mañá” ou “Dura máis a ruín veciña, cá neve marceliña”.

En calquera caso, ollo co perigoso sol: “O sol de marzo, mete (ou queima) a dama no pazo”. Como é mes de transición coa primavera, moitos consellos agrarios: “Marzo chegar, é tempo de enxertar”, “Quen en marzo non poda a súa viña, perde a súa vendima” e o contrario, claro “Vendima no regazo, aquela que poda en marzo”. En calquera caso, “En marzo, podar e cavar, se queres colleitar”.

Este ano, coa semana santa en abril, libramos do “Pascuas en marzo, ou fame ou mortanzo”. Moitos falan do ciclo animal ou vexetal: “Marzo niñarzo (fan os niños os paxaros), abril ovos mil, maio chocaio, San Xoán, polaio”. En fin, se seguimos a coresma: “Adeus martes de entroido, adeus meu queridiño, que ata o domingo de Pascua, non unto máis o fuciño”. Este ano cae a 17 de abril; moita espera, parece. 

Te puede interesar