Cultura

A bolboretiña do día | Rías, vieiras e mosquitos

Cultura

A bolboretiña do día | Rías, vieiras e mosquitos

Antes unha persoa falaba unha lingua. Os cataláns, en catalán; os franceses, en francés; os galegos, en galego... e dominar varias era cousa de mérito. Hoxe o que non fale tres ou catro pasa por pailán. E así produciuse unha inmensa comunicación entre as linguas e certo caxougue -ou transferencia- de palabras. Por exemplo, a palabra gripe, francesa, entrou en 1918, e ao principio dubidaban, grippe, gripe, gripo... e incluso no xénero, ata que se impuxo o feminino; o rumano, con toda coherencia fala de “gripa”. En francés significaba aproximadamente o que en galego: “Estar tomado do peito, da gorxa”, e, daquela, estaría relacionada coa expresión “motor gripado” por atascado e inmóbil. 
O caso é que as palabras choutan de lingua a lingua. Todos coñecen “fiordo”. Pois “ría” defínea o dicionario de Oxford para o inglés como “a long narrow area of water formed when a river valley floods”, ou sexa, que tal. E nós exportamos palabras -ría, vieira, costa, chuvasco, por exemplo- e tamén importamos. Algunhas, como mosquito, do castelán, tiveron moito éxito en moitas linguas, tamén na nosa. Por certo, este verán non vin. Onde van? Que pasou con eles? Nin se me espetaron no parabrisas nin me picaron. Algo raro pasa.