A bolboretiña do día | Seca

Cómpre que chova. E nós, e os veciños de abaixo do mapa, cando leva moito tempo sen chover dicimos que hai seca. E antes recorríase á virxe de Reza en procesión de ida e volta á catedral, a ver se animaban as nubes... e ás veces, seica acababa chovendo.  Seca é unha palabra derivada regresiva de secar. Como se dicimos “está pago” ou “preso”, de pagar ou de prender. En castelán din sequía, con ese sufixo abstracto de -ía, como fan todas as outras linguas latinas, con cadanseu sufixo. Así, os cataláns chámanlle “sequera”, os italianos “siccitá” (paralela á nosa sequidade ou secura, calidade do seco)  e os franceses, “sécheresse”.  E eses sufixos distintos  (-ía, -era, -idade, -ura, -eresse) articúlanse sobre unha raíz derivada do latín “siccus” que significaba, seco, sen humidade. Tamén, desde época romana era aplicado ao carácter dalgunha xente ou a unha delgadez patolóxica.

Te puede interesar