Todos sabemos ben cando unha persoa fala en galego e cando fala noutra lingua, sexa castelán ou portugués, por falarmos das dúas veciñas. Pero iso non ten que ver conque tamén nos deamos conta das pequenas diferenzas que existen e que nos son case imperceptibles, máis alá dos que se chaman “acentos” e dos que realmente en Galicia só recoñecemos o das Rías Baixas cunha entoación final ascendente en vez de descendente. Pero moi curiosas son as palabras locais.
Sabemos que de Vigo vén a palabra “ghicho”, que é o que en Ferrol chaman “nacho” e, desde a Idade Media, tamén en todos os sitios “tío”. Pero ás veces un sorpréndese. Onte preguntoume unha amiga, profesora de galego ela no nivel universitario, que non é da miña tribo auriense, se sabía o que quería dicir “propio” no sentido de “mándocho por un propio”, como lle dixera un de Ourense. Case abro a boca porque pensei que era palabra común de todos. E sorrín pensando no “madia leva” tan frecuente noutras latitudes e descoñecido practicamente entre nós. Diversidade e unidade. Boa combinación.