A bolboretiña do día | O xénero de radio

Non é tan fácil o asunto. Imos cos que non hai dúbidas: o radio, así en masculino é tanto o da circunferencia como o óso do brazo. E co artigo feminino, a radio, é un apócope de radiodifusión, por exemplo, “BBC é unha radio inglesa que comezou a transmitir en galego hai 75 anos”, ou sexa, unha emisora. E como lle chamamos ao aparello tradicional para escoitar as emisoras de radio? Pois no galego popular sempre se lle chamou “O radio”, cousa que se clasificou como vulgarismo -como se dixeramos “amoto”, “grandismo”, ou, incluso “o arradio”- e pasou a preferirse -tamén no dicionario da RAG- a radio, en feminino.

Pero velaí que a cousa presenta as súas dúbidas. En castelán da Península, en catalán e en italiano, son ambas femininas. Pero no castelán de América, chámase “el radio” ó aparello e “la radio” á emisora. E a min a dúbida vénme de que en portugués, fan igual: o radio, aparello; a radio, emisora. E nós que facemos? Pois se seguimos as normas, feminino, pero a min vánseme os ollos coa nosa forma popular, que ademais é a dos irmáns do sur.

Te puede interesar