A bolboretiña do día | Plantillas?

“Plantilla de trabajadores o personal” ou simplemente “plantilla” é unha desas expresións que usamos inercialmente desde o castelán e ás que debemos darlle unha volta para peneirar o noso galego. Así que o proceso normal é mirar as outras linguas da familia e ver se é cousa da herdanza común ou unha evolución só do castelán. Os franceses falan de “tableau des effectifs”, os italianos de “tabela dell’organico”, os romanos “schema de personal” e os portugueses “quadro de pessoal”. Ben, enténdense todas. Parece o normal dicirmos, como estamos facendo, “cadro de persoal” ou simplemente “o persoal”. En vez de “hai que incrementar a plantilla, mellor, “hai que incrementar o persoal”... Ou, polo popular, cando os patróns pedían apurar máis, dicíanlle os obreiros “Hai que meter xente”, sen máis. En fin, para as dos zapatos, tampouco. Cómpre revivir a forma que lle daban os nosos zapateiros: soletas. Si, moito mellor esta soleta nosa -sobre a sola—que turrar do portugués, pois eles usan unha vella palabra do castelán: palmilha. E para as de facer debuxos? Pois modelo, molde ou patrón, recomendan. E paréceme ben.

Te puede interesar