A bolboretiña do día | Refráns de xaneiro

Os refráns, desde o Quixote, perderon estima. Téñense por cousa vulgar, de xentes pouco letradas, como Sancho Panza. Por iso a súa recompilación formou parte importante do estudo da cultura popular. E como a sociedade tradicional nosa sobreviviu ata non hai moitas décadas, hai ben de recompilacións en galego. Aí lles van uns cantos de xaneiro, como hei facer todos os meses.  A favor de que faga frío, haxa xeadas para matar a bicharía toda: “No mes de xaneiro súbete ó outeiro, se ves verdexar bótate a chorar e se ves negrexar ponte a cantar”. Que é mes de pouca chuvia, “Xaneiro xiadeiro, e en febreiro cada suco seu regueiro”. Boa época para cortar a madeira: “No minguante de xaneiro, corta o teu madeiro”. Época de noites claras: “Co luar de xaneiro, vese a formiga no carreiro”, ou “o luar máis claro é o de xaneiro, e o de agosto, sáelle ao rostro”, ou máis poeticamente: “Non hai lúa clara como a de xaneiro nin amor coma o primeiro”. E frío, moito frío, desde logo: “En xaneiro sete capas e un sombreiro” ou “Nas mañanciñas de xaneiro nin se dan os bos días nin se quitan os sombreiros”. En fin, os días empezan a medrar “Dezasete de xaneiro, unha hora por enteiro”, media pola mañá, media pola noite. Como é pasadomañá, comprobaremos.

Te puede interesar