A bolboretiña do día | Velas e candeas

As velas son as dos barcos. Incluso das táboas de windsurf, ese deporte que os portugueses máis ortodoxos chaman “prancha á vela”. Si. E máis tamén son as de cera de abella -amareladas- ou de parafina -máis brancas e menos recendentes- que levan no medio un pabío, mecha ou torcida, e que se usan nas igrexas e que antes tiñamos nun caixón para cando marchaba a luz, que agora hai tempo que non o fai. E temos en galego un sinónimo, moito menos usado na literatura do XIX aínda que máis na idade media, pero moi potenciado por diferencialismo nas últimas décadas que é “candea”, que tamén pode ser, entre nós, a flor do castiñeiro, ou castiro, que dirían os de Lugo. Curiosamente os dicionarios portugueses recollen candea como sinónimo antigo de vela, e vela, tamén, co significado das buxías dos coches. Hai anos derramóuseme o meu en Lisboa e cando me dixo o mecánico “Só ha que trocar as velas” tiven que mirar o que tiña entre os dedos.

Te puede interesar