A bolboretiña do día | O partido

Poucas palabras antepasadas tiveron tanta prole como o pars-partis latino, ou sexa, parte. Isto é porque xa daquela tiña varios sentidos e cada un deles criou. Do senso porción, o máis normal, saíu o verbo partir, fraccionar, e  partícula, unha pequena parte, que, polo popular deu “partilla”, de facer as partillas, partillar, que é unha forma de compartir ou repartir. E de aí, repartidor, compartimento, etc. En calquera caso, para entrar no reparto, hai que participar. En fin, do senso de dirección, vén o partir, marchar, e de aí partida, marcha. E mesmo departir, na idea de charlar sobre algo. Tamén o orixinal tiña un matiz xeográfico, de aí, “da parte do Carballiño”, e partido xudicial. Ben. E logo, xa no mundo romano, “partido”, os que se poñen ou toman parte en algo. Os que comparten ideas, e reparten cargas e beneficios delas. E se andaban no monte, como carlista ou cazadores, son “partidas”. E ás veces son apartados, por non seguir a partitura común e poden marchar ao seu apartamento. E isto vale para os que andan no fútbol na política ou nas partidas de cartas. En fin, hai que ser imparciais opinando, non poñerse sempre de parte. E cando opinemos e tomemos partido, que non sexa para sacar partido. En calquera caso, non esquezamos que un bo partido é “esa persoa que pola súa situación económica ou social se considera interesante como posible consorte”.

Te puede interesar