A bolboretiña do día | Agreste ou culto

Na “Bolboretiña” de onte faláballes da cidadanía e da política... e lembren, unha latina e a outra grega, facían ambas palabras, referencia ás cidades. Porque, efectivamente, a cidade é desde o mundo antigo, o motor da civilización e o progreso, e, ademais, o lugar onde se xestiona o goberno do que non é cidade, ou sexa do campo, do ager que o rodea. E así,  a historia da xestión do común, ten en todas as culturas, residencia urbana: canta máis xente -ata que non sexa de máis, que se pode perder identidade e pasar a ser unha megápole inmanexable- máis e mellor se poden tecer redes de avance. E fronte á cidade,  o campo, o ager, era normalmente un lugar agreste, sobre o que se podía aplicar un traballo de cultivo, ou sexa a agri-cultura, e facer que pasase de terreo inculto- non cultivado e improdutivo,  a cultivado ou culto, ou sexa con mellor e máis interesante estado . Tal como a xente. A mesma oposición de raíz latina existe entre urbanidade, boas maneiras na vida colectiva, e rústico como sinónimo de badoco. Xa saben. A cultivarse.

Te puede interesar