A bolboretiña do día | Avinza e habenza

Avinza na miña fala é avenza, igual ca en portugués. A RAG optou por “avinza” por ser moito máis popular e ser a escollida para uso literario desde o XIX, aínda que avenza -ou avença- estea máis preto do étimo latino “avenentia”. En fin, avinza é o que resulta de avirse, pactar ou acordar algo. Por iso hai un vello refrán que lembrei por mor da guerra de Ucraína e Rusia, que teño oído: “É mellor unha mala avenza ca un bo preito”. Por certo que antes da existencia da sanidade pública, chamábase “avinza” tamén a unha cota que se lle pagaba regularmente a un médico, para que coidara da saúde da familia, sobre todo no medio rural. A outra “habenza” con hache e con be ten que ver con “habenentia”, o que se ten. O que se posúe. Sinónimo para o gando de “facenda”. En moitos sitios do sur de Ourense, ata non hai moito, un veciño levaba ao monte a habenza propia e doutros veciños, por turno (castelanismo moderno) ou por vez ou, propiamente “veceira”. “Tócalle a veceira pra levar as ovellas a el”. En fin, á parte de “rolda” ou “quenda” hai outras moitas. Veceira, é bonita. Non confundir coas “beceiras” as gretas que se fan nos beizos ou labios co frío, que son feas e molestan.

Te puede interesar