A bolboretiña do día | Sanxenxo

Si, é máis fácil pronunciar “can” que “metacrilato”. E “Velle” que “Córgomo”. E “María” que “Protasia”. Así, Sanxenxo non é topónimo fácil. Tres fricativas, -unha fricativa alveolar xorda (s) e dúas fricativas palatais xordas (x)- na mesma palabra son cousa rara. Sobre todo para persoas que non teñen “trato” habitual coa palatal. O nome vén dun santo do século IV chamado “Genesius” de Arlés, notario da Provenza que se negou a asinar un documento contra os cristiáns e por tal, decepáronlle o pescozo, polo que resultou padroeiro dos notarios. E dese mártir “Genesius” saíron en castelán moitos San Ginés toponímicos por Castela adiante, e en galego tamén varios San Xes (como o de Francelos) e algún que outro Xens na costa. O caso é que desde moi cedo se debeu confundir a última alveolar do nome do santo -s- coa fricativa previa, así, de San Xenso ao Sanxenxo actual, legal e oficial. Como digan noutras linguas, a min, a verdade, tanto me ten. En ruso, por exemplo, Санксенксо.

Te puede interesar