A bolboretiña do día

A bolboretiña | Illa e insua

wordcloud (1)
As palabras parece que teñen vida propia: unhas nacen, outras morren; unhas póñense de moda, outras desaparecen. Algunhas, incluso inventadas -como “solpor”, na segunda década do XX-, entran de marabilla na fala mentres esquecemos ou vanse especializando outras. Lei de vida. Unha cousa curiosa pasa coas “illas”. Ninguén pode discutir que a probriña Palma ou nosas Cíes, son illas do Atlántico. Pero contra o que poida parecer, non é palabra demasiado usada ata hai pouco. Chega á escrita a mediados do XIX. Antes gañaba “insua”. Nas cantigas de Santa María, por exemplo, fala de Sicilia como “Insoa de mar”. E do uso popular saltou aos apelidos. En Galicia hai sobre 4500 persoas que se apelidan “insua” maioritariamente ao longo da costa, -entre eles os habitantes da illa de Cortegada- pero non hai ningún “illa”. As 220 persoas que se apelidan “Isla” se cadra teñen orixe foránea, pois son todas da zona de Valdeorras ou das grandes cidades. Hai ata medio cento de persoas que se apelidan “Insuela” -diminutivo de insua- e deles, curioso, máis da metade entre Ourense e San Ciprián de Viñas. Hoxe en día, o uso normal, tamén en portugués, e que a min me ensinou un día Pepe Neira Vilas en Gres, é que illas son as do mar e insuas, as dos ríos. Así sexa.

Te puede interesar