Bolboretiña | O xurado ou o xuri?

A primeira é galego a segunda portugués e nunca apareceu no galego antigo. É lóxico, pois non hai ningún palabra galega vella rematada en -i. Repasen taxi, wifi, xersei, zombi, todas de importación. Así pois, dicir xuri en galego é usar unha palabra importada. Outra cousa é que se admita o vocabulario do sur do Miño como sinónimo, aínda que supérfluo. Ademais, fíxense que curioso, as persoas integrantes do “juri” portugués, chámanse “jurados”. Si, o conxunto dos “jurados” forman o “juri”. A forma portuguesa “juri” é a adaptación pura do inglés “jury” que, á súa vez, vén do anglofrancés -tempos medievais- “juree” que viña do latín tardío “iurata”, relacionada tamén coa forma de lle chamaren os italianos ao xurado, “la giuria”. Entre nós, (galego, portugués vello, castelán) a forma feminina “xura” quedou para o acto formal, a xura da bandeira, do estatuto, ou do que sexa. E o “xuramento”, é o que se fai na xura: “No acto da xura do Estatuto, fixeron o xuramento formal de cumprilo”. En fin, que para nós, xurar tamén é botar sapos pola boca.

En definitiva, xurado. O galego conservou o xurado como participio de xurar, con valor adxectivo -garda xurado, acta xurada, etc.- ou logo como substantivo colectivo -conxunto de persoas encargadas de tomar unha decisión-. Nada raro se vemos que hai outros colectivos en -ado, como profesorado, alumado, comisariado...

Te puede interesar