Un certame de curtametraxes permitirá aos alumnos máis novos achegarse á lingua galega a través da animación

Poderán participar ata 50 centros de infantil e primaria e os tres gañadores emitiranse en espazos da TVG
Un certame de curtametraxes de animación, que se celebrará no marco do programa 'Nós tamén creamos!', buscará aproximar a lingua galega de forma positiva aos alumnos de primaria e infantil a través das novas tecnoloxías. En concreto, a proposta parte da colaboración entre a Xunta, a CRTVG e OQO Editora, e poderán participar escolares de entre 3 e 9 anos de ata cincuenta centros educativos.

Os mozos converteranse en creadores das súas propias curtametraxes de animación 'stop-motion' mediante materiais elaborados por eles e baseándose nun relato de entre 14 obras en galego dun catálogo que proporcionará OQO Editora. Estes traballos publicaranse, á súa vez, na web da CRTVG e incluirase os tres mellores na propia programación da Televisión de Galicia.

En rolda de prensa, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, destacou que este proposta permitirá fomentar o uso do galego e aprender neste idioma da man da 'innovación educativa' a través do audiovisual e as novas tecnoloxías. Para este traballo, os alumnos contarán co apoio dos profesores, que recibirán formación específica e material de asesoramento, que acreditarán con 20 horas de innovación educativa.

Marcos López, de OQO Editora, explicou que o libro será 'o protagonista' dos traballos dos mozos e o punto de partida sobre o que realizarán un storyboard para adaptar a historia á linguaxe cinematrográfico. A partir de aí, poderán usar todo tipo de materiais plásticos para realizar as animacións (dende lentellas a plastilina). Esta iniciativa permitirá unha 'alfabetización' neste tipo de tecnoloxías nun momento en que 'a imaxe ten unha importancia característica'.

Unha vez rematado este proceso comezarán os traballos para dar voz ou música á curtametraxe, que permitirá que todos os alumnos 'poidan gozar xuntos desta iniciativa'.

'SINERXÍAS' EN TEMPOS DE CRISE

Tamén presente na rolda de prensa, a directora da TVG, Rosa Vilas, quen reivindicou o papel da cadea como 'o maior instrumento de normalización' da lingua galega e máis de 60.000 horas anuais de emisión, e apostou por 'sinerxías' e sumar forzas en tempos de falta de recursos.

Así, a CRTVG colgará no seu web os traballos que realicen os centros participantes e emitirá na súa programación as tres curtametraxes gañadoras. Actualmente, a cadea busca converter a TVG2 nun referente para o público infantil e xuvenil, buscando incrementar o peso da lingua galega.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que se trata dunha campaña 'moi completa' que permitirá aproximar o galego a través do ámbito 'que máis lle gusta' aos mozos, as novas tecnoloxías, polo que espera a colaboración dos centros.

O certame entregará tres premios, un por ciclo, e cada centro galardoado recibirá un lote de libros de OQO Editora e máis regalos de material proporcionado por CRTVG, ademais dun diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

MINISTERIO

Por outro lado, preguntado polos cambios anunciados polo Ministerio de Educación, Vázquez Abad reiterou que comparte as medidas que se puxeron enriba da mesa e que será o departamento estatal quen teña que dar o paso e concretar' sobre elas.

Te puede interesar