A bolboretiña do día

A bolboretiña | Chisqueiros

undefined
Antes, cando os fumadores non eran apestados, marcaban as diferencias sociais cos seus acendedores ou, polo enxebre, chisqueiros. Os Dupont -ouro ou prata- eran o máximo; os Zippo de gasolina, viñan da influencia americana da modernidade dos cincuenta, cousa de roqueiros e similares, e os vellos chisqueiros de mecha laranxa e longa que se acendían a golpe de pedra e soprar, marcaban a esencia rural. E esta palabra chisqueiro creo debe ser unha confusión do século XX -non aparece ata 1928- porque “isqueiro” ou “esqueiro” xa está na literatura desde mediados do XIX e vén, como é claro, de “isca”, calquera materia moi seca que arda facilmente o que en castelán é “yesca”. Se cadra a palabra “chispa” -faísca ou muxica en mellor galego- influíu cando se perdeu a memoria da isca para poñerlle o che inicial. Por certo que os portugueses rin cando nos oen falar de “chisqueiro” para acender un cigarro porque para eles “chiqueiro” é o lugar de morada dos marráns, con perdón da súa cara, como tamén se dicía antes.

Te puede interesar