O ciclo 'Os seráns do TAC' unirá música, humor e gastronomía a través de 'romaxes' na Cidade da Cultura

Roberto Varela Presenta En Rp O Ciclo De Concertos Os Serans Do Tac.
A Sinfomía IV de Gustav Mahler iniciará este martes o programa coa participación de Carlos Blanco e o restaurante 'Eirado da Leña'
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá durante os próximos meses 'Os seráns do TAC', un ciclo protagonizado pola música que unirá nun mesmo espectáculo humor e gastronomía recreando as populares 'romaxes' galegas no complexo do Gaiás.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentou este luns a iniciativa, organizada polo Taller Atlántico Contemporáneo, e que invitará a 'redescubrir a algúns dos grandes renovadores da música das últimas décadas'.

Segundo destacou Varela, o ciclo unirá nun mesmo escenario, na Cidade da Cultura, 'unha selección da mellor música contemporánea, a tradición festiva de Galicia e o talento do Taller Atlántico Contemporáneo. Para iso, Os seráns do TAC levarán ao complexo do Gaiás unha combinación de 'música, humor e gastronomía' como forma de achegarse de xeito 'festivo' á música contemporánea.

A idea do proxecto é 'recrear' na Cidade da Cultura 'as festas tradicionais que se celebran polas tardes nas parroquias galegas, cando os veciños se xuntan a bailar, tocar e comer'. Para iso, cada sesión contará cun concerto introducido en ton humorístico por un presentador e rematará coa degustación dunha tapa creada por algún dos cociñeiros invitados.

DÍA DA MÚSICA

O ciclo arrancará este martes 21 de xuño, Día Mundial da Música, ás 20.30 horas, coa Sinfonía IV en Sol maior de Gustav Mahler presentada por Carlos Blanco. Ao finalizar, os participantes poderán gozar dunha tapa creación do restaurante Eirado da Leña, de Pontevedra.

O segundo concerto do ciclo será o día 28 de xuño, onde os músicos do TAC tocarán xunto coa formación Odaiko as composicións 'Marimba Spiritual', de Minoru Miki; 'Obra para frauta e percusión', de Xavier Mariño; 'Trío per un', de Nobojsa Jovan Zivkovic; e 'Fads and fancies in the academy', de John Cage. A sesión, presentada por Quico Cadaval, rematará cunha tapa do restaurante Abastos 2.0 de Santiago.

Posteriormente, o seis de setembro, será a quenda da sesión 'Carta Branca a Diego Masson', para a cal o TAC estará dirixido por Diego Masson e interpretará obras de Dallapiccola ou Francesconi, así como a peza 'Monitonadas', do galego Carlos López García-Picos. A sesión contará tamén cunha tapa do Abastos 2.0 e estará presentada por Carlos Blanco.

O cuarto concerto do ciclo será o 15 de novembro, co título 'Serán música única'. Presentado por Julián Hernández, de Sinistro Total, o TAC interpretará obras de John Cage, Gygory Ligeti e Terrence Mitchell Rele. A tapa será unha creación de Pepe Solla.

Para concluír, o TAC interpretará 'A ópera das catro notas', de Tom Johnson, o día 18 de decembro ás 12.00 horas. A sesión concluirá cunha tapa de Eirado de Leña.

Te puede interesar