O artista e membro da Academia Galega de Belas Artes Felipe Criado gaba a 'espontaneidade' do autor das obras

Unha colección de cadros sobre Palestina e 'a liberdade' inaugura as exposicións da Fundación Araguaney

A Fundación Araguaney estreou a súa nova sede en Santiago de Compostela cunha exposición do pintor palestino Jad Salman, na que, segundo o presidente da fundación, Ghaleb Jaber Ibrahim, está presente 'Palestina, por tódalas partes' e 'o espírito libertario'.

Jaber, tamén palestino, considerou, nunha rolda de prensa, que a historia da vida do artista é importante á hora de comprender a obra. Así, explicou que Salam naceu en 1983 na cidade de Tulkarem, 'cercada nun 80 por cento' pola barreira israelí de Cisjordania, e que saíu do país para estudar arte en Francia, onde agora reside e traballa.

Un exemplo da presenza de Palestina nos cadros do Jad Salman, que segundo a Fundación poden encadrarse entre o expresionismo abstracto e o surrealismo, é unha peza dedicada á guerra de Gaza, que mostra un neno e unha bicicleta en orde inversa ao lóxico para expresar que, tras a guerra 'nada ten o mesmo sentido', en palabras do autor.

Non obstante, Jad Salam, presente na rolda de prensa, negou que a súa obra parta dunha 'motivación política' con respecto ao conflito palestino-israelí, aínda que recoñeceu a guerra e o conflito 'están presentes' na súa obra. Salman afirmou que en ocasións se 'buscan estereotipos' a súa obra pola orixe do seu autor.

Así mesmo, o pintor palestino explicou que o que lle interesa, á hora de producir, é 'o espazo, a cor e a idea' e que non inicia unha obra proxectando un resultado final, senón que 'empeza con calquera idea' e traballa en base 'primeiro ao sentimento', superpoñendo distintas imaxes sobre un mesmo lenzo.

ESPONTANEIDADE

Á rolda tamén asistiu o membro da Real Academia Galega de Belas Artes Felipe Criado, que agradeceu a Ghaleb Jaber 'estar a facer pola cultura de Compostela o que non fan moitos galegos' coas iniciativas da súa Fundación, e eloxiou a obra Jad Salam.

Criado afirmou que o que máis lle gusta o novo palestino é a súa 'espontaneidade', e destacou a importancia do traballo do desenvolvemento do artista coa frase 'o progreso é a travesía do home a través do desengano'. Así mesmo, considerou que nunca se deixa de aprender e afirmou que 'prego aos deuses que ao longo da miña vida teña sempre curiosidade'.

EXPOSICIÓNS

A exposición do artista palestino, que ten como título 'Jad Salman, dos espazos inconscientes' está composta por obras que o palestino pintou entre 2007 e 2010, que se poderán adquirir. Poderá visitarse de forma libre e gratuíta entre este xoves e o próximo 13 de febreiro, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 (agás domingos e festivos).

Jaber indicou que o obxectivo da galería de Araguaney en Compostela é 'achegar a expresión artística doutros países' á capital de Galicia co obxectivo de 'enriquecer' a cultura galega. Segundo declararon a Europa Press fontes desta entidade, a galería ten previsto acoller ao longo de 2011 outras cinco exposicións de 'autores árabes e iberoamericanos'

Te puede interesar