Arte et alia

De Compostela a Verín de camiño co Alazán

A Virxe peregrina, museo da catedral de Ourense, por onde pasan Santiago e o Alazán.JPG_web
photo_camera A Virxe peregrina, museo da catedral de Ourense, por onde pasan Santiago e o Alazán.
O pouso dos estudos de filosofía, na que se licenciou, queda patente no ton xeral do libro

Edelmiro (Mirito) Mateo pon a Santiago a peregrinar no Ano Santo, tralo parón de once anos. O Apóstolo non vai a pé, co bordón, senón dacabalo, montando a Alazán, un percherón, poldro ou rocín, que así aparece ao comezo do libro de Léveda Edicións de Verín. Este é o primeiro en saír do prelo desta nova editora, en maio pasado. O cabalo non é rubio como a canela, como podería pensarse polo nome, senón que é da “cor da primeira lúa chea da primavera no medio da noite”. Eis albino, e de nome Alazán. Leva ferraduras de “aceiro atemperado” feitas por un ferreiro de zona de Pazos, e nas alforxas cunchas de vieira que o fillo do Zebedeo entrega coa súa bendición aos peregrinos cos que conversa no Camiño. Alazán non deixa pegadas como aquela que vimos, anos ha, na Pena Folenche (A Pobra de Trives), no seu salto sobre o Navea até Mouruás. Mateo é máis das de ronsel, pois as súas verbas son de asisados comentarios que van dende o atopar un corzo “engarzado cos cornos nun arame de espiño”, o xabarín e a caza, ás bondades dos símbolos, poñendo por bandeira cuncha, cruceiro e a fala, máis tamén a retranca, o licor café, a empanada e o lacón con grelos. E a das terras ourensáns, comezando polas verinenses, o seu fogar.

O pouso dos estudos de filosofía, na que se licenciou, queda patente á par da bonhomía do seu corazón no ton xeral do libro. Nas súas páxinas hai un arume didáctico de arte e cultura que todo o envolve, dende Compostela ao santuario da Virxe dos Remedios de Vilamaior, mais tamén da música sempre presente tamén. Así cando un dos personaxes, Xico do Pau, se achega dende a súa casa e carpintería a falar con Santiago, logo de varios quilómetros de camiñar descalzo, cheo desa compunción da alma necesaria que abre o corazón cara os milagres, e anticipo da gran peregrinación para pedirlle ao Apóstolo saúde para a filla... Antes, “no silencio da noite apoiouse no serrucho e no arco” para dar coas notas do himno “Cerca de ti, Señor”, da poeta Sarah Flower Adams, interpretado seica a orquestra do Titanic antes de afundir. Velaquí unha das facianas a destacar, a da música sentida, como a que sae do acordeón do mestre Miro, e da que fala co gallo da descrición do desfile de Entroido o Domingo Gordo cos Cigarróns, unha paixón e un sentimento, como acredita que o libro conclúa cun soneto dedicado a eles a modo de colofón. A súa portada é deseño de artista, Fernando Barreira, primo seu: na carauta, o barbuqueixo sen rasgos, aínda que non falten os pondóns colgando da mitra. Nela, en deseño moderno, catro cabalos e unha cruz.

O Apóstolo e Alazán van cara a casa do Xico en Verín, camiño do corazón, saíndo por Mazarelos, nas antigas murallas, cara o Pico Sagro, Oseira, Ourense, os Milagres… É o Bo Señor do “Dum Paterfamilias” que vai máis adiante (ultreya) e máis alá (e suseia), dándolle unha reviravolta ecuménica ao lema xacobeo “Sae da túa terra, o Apóstolo espérate”.

Te puede interesar