Cultura comunica a Manuel Arroyo o seu cesamento como xerente do CGAC

A Consellería de Cultura comunicou a Manuel Arroyo o seu cesamento como xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dixo hoxe, nunhas declaracións á prensa, que o cesamento de Manuel Arroyo non obedece a ningún motivo en concreto mais que se encadra nun proceso de renovación da xerencia do museo compostelán cando se completa o seu vixésimo aniversario.

'Motivos non hai ningún en especial', afirmou o secretario xeral de Cultura.

'Simplemente os equipos mudan. Estamos nun punto de inflexión, os vinte anos do centro; consideramos que era un momento para poder facer un recambio, unha persoa nova que veña e impulse unha área tan importante do CGAC como é a xerencia', subliñou.

O secretario xeral de Cultura explicou que a Manuel Arroyo foi transmitido, no momento de lle comunicar o cesamento, que 'os equipos teñen que mudar, teñen que ter impulsos renovados para afrontar os novos retos, para afrontar os novos desafíos; e esa é a motivación da substitución', sinalou Lorenzo.

Sobre o labor desenvolvido por Arroyo, que levaba no posto practicamente desde o arranque do CGAC, o secretario xeral de Cultura valorou o seu traballo.

'Valoramos o traballo feito por Manuel Arroyo durante todos estes anos. Estivo desde o principio da creación do Centro, estivo na súa consolidación, estivo nestes últimos anos onde xa, evidentemente, a situación económica de todas as administracións públicas é complicada', indicou.

O cesamento foi comunicado a Manuel Arroyo no pasado venres e o semanario Sermos Galiza recolleu a nova. O nome da persoa que o substituirá como xerente do CGAC non foi revelado por Lorenzo hoxe, aínda que dixo que se dará a coñecer nos próximos días.

O perfil da persoa que substitúa a Arroyo na xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea terá que ser o dun 'xestor administrativo-económico', en palabras de Lorenzo.

'O perfil ten que ser o dun xestor dunha área económico-administrativa que inicia todos os expedientes de contratación, todos os expedientes de gastos, e, por tanto, ten que ser unha persoa que coñeza ben a administración e que coñeza ben o que debe ser o traballo nun centro que ten xestión administrativa independente, aínda que vinculado á Secretaría de Cultura', precisou.

Despois de deixar a xerencia do CGAC, Manuel Arroyo regresará ao seu posto de traballo na Consellería de Traballo.

Te puede interesar