Cultura destina 360.000 euros a unha liña de axudas a festivais escénicos e musicais

A Consellería de Cultura informou este martes da apertura dunha nova liña de subvencións destinada a apoiar festivais artísticos de carácter profesional e de interese estratéxico para os sectores escénico e musical, que estará dotada de 360.000 euros, distribuídos ao 50 por cento entre as dúas modalidades.
Xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia sitúa en 50.000 euros a contía máxima que poderá adxudicarse a cada iniciativa subvencionada, sempre que non supere o 30 por cento do seu presuposto total.

O número de proxectos apoiado e os importes concedidos determinarase en función da dispoñibilidade presupostaria, do custo dos festivais e da puntuación obtida tras aplicar unha serie de criterios de avaliación referentes ao seu programa, viabilidade e traxectoria. O prazo de solicitude estenderase ata o 18 de maio.

As subvencións diríxense de forma específica a aqueles festivais de iniciativa privada ou municipal que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2012, que xa teñan realizadas dúas edicións anteriores e que conten cun presuposto inicial mínimo de 50.000 euros, dos que polo menos 15.000 deben estar destinados á contratación artística.

Na composición dos seus carteis deben figurar seis ou máis formacións artísticas e as compañías ou grupos deben estar maioritariamente integrados por artistas residentes en Galicia ata un mínimo do 20 por cento da inversión en contratación ou do 30 por cento do total de actuacións. Ademais, o acceso debe ser con entrada de pagamento en, polo menos, o 30 por cento dos espectáculos.

Te puede interesar