Cultura leva a Allariz este mércores a exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense'

A Consellería de Cultura e Turismo inaugurará este mércores no municipio ourensano de Allariz a exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense base de peregrinación Vía da prata', que organiza o Museo Arqueolóxico Provincial.
A mostra, segundo explica Cultura, pretende dar a coñecer 'de forma gráfica' a realidade histórica desta ruta, unha das 'máis importantes infraestruturas territoriais de Galicia', subliña a Consellería; o proceso histórico da súa formación e transformación; e a importancia do seu valor patrimonial.

A exposición está composta por 33 paneis informativos que mostran o trazado da vía a través de planimetría antiga e o patrimonio asociado a través de numerosas fotografías.

Esta mostra está cimentada en boa medida no libro do mesmo título da autoría da profesora Yolanda Barriocanal López, comisaria tamén desta exposición, e que publicou o Grupo Marcelo Macías, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo.

Te puede interesar