O director de 'Vilamor' pide ao Goberno que acabe o 'monopolio' americano

O director da película galega 'Vilamor', Ignacio Vilar, reclamou hoxe unha maior implicación por parte do Goberno central para acabar co 'monopolio' das grandes produtoras norteamericanas, porque atenta 'contra as regras de mercado' e limita as posibilidades doutro tipo de cinema.
Segundo Vilar, 'trátase dunha cuestión política', porque 'non pode ser que nunha sociedade de libre mercado todo estea monopolizado polo cine americano'.

Segundo o realizador galego, 'son produtores, distribuidores e exhibidores', e non permiten que outro tipo de creacións accedan ao 'seu circuíto'.

'Nós non pedimos axudas, o que pedimos é un control de mercado', aclarou o director, porque 'as salas e as distribuidoras están en mans das grandes produtoras norteamericanas'.

Ao seu xuízo, é 'o Goberno central' o que ten a 'capacidade política' para conseguir que se 'respecten as regras do libre mercado'.

Ignacio Vilar facía estas declaracións en Lugo, só uns minutos antes de participar na presentación de 'Vilamor', unha película que el mesmo cualificaba como '100% galega', porque está a ser rodada nese idioma e 'tanto o equipo artístico como o técnico' proceden de Galicia.

'Está rodada en galego, porque penso que se queremos vender o noso cinema no mundo, temos que contar as nosas historias e o idioma é unha parte fundamental das nosas historias', precisaba o realizador.

Os protagonistas do filme son os actores Rubén Riós, Sabea Anán e Tamara Canosa. 'O argumento comeza no presente, cando un escritor de éxito, despois de trinta anos, regresa a Vilamor para resolver o que aínda non ten resolto', explicou Vilar, porque 'necesita reencontrarse co seu pasado' e co que viviu nunha 'comuna'.

De feito, aínda que o argumento é ficción, todo o filme está inspirado na comuna de Foxos, no municipio de Negueira de Muñiz. 'É unha película de época', segundo o seu director, que evoca 'o movemento comunal que se daba nos anos 70', polo que a maioría das escenas están a ser rodadas nos Ancares.

'Temos moitas cousas que contar e uns lugares, como os que hai na provincia de Lugo, que merece a pena retratar para a gran pantalla. Temos que vender o noso cinema, mais tamén as nosas paisaxes ou a nosa comida, como fan outras cinematografías. É un instrumento fundamental para vender o noso país', subliñou Vilar.

Se non xorden imprevistos de última hora, a rodaxe da película terminará en xullo e a cinta estará nas salas en novembro.

Te puede interesar