Fasero asegura que 'é falso' que o sector cultural galego 'teña excesiva dependencia' da Administración pública

Artistas, creadores e empresarios participan en Santiago no Encontro Internacional de Economía e Cultura
O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, asegurou este xoves que é 'falso' que o sector cultural galego 'teña excesiva dependencia' das axudas da Administración pública e defendeu o potencial deste sector en termos económicos.

Así o explicou durante a súa participación no Encontro Internacional de Economía e Cultura que acolle dende este xoves a Cidade da Cultura de Galicia e no que interveu xunto con Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, na presentación dos informes 'Datos da Economía Creativa' de ambas as dúas entidades.

Sobre esta cuestión, Fernández Fasero sinalou que, aínda que no sector cultural galego existe destrución de emprego a causa da crise, este índice é 'menor que noutros sectores'. Paralelamente, viu 'falsa' a afirmación de que 'a redución dos presupostos públicos sexa especial' en cultura', dado que, indicou, é 'superior' noutros ámbitos.

Na mesma liña, Fasero considerou tamén falso que o sector cultural galego 'teña excesiva dependencia' da Administración pública, dado que os 1.500 millóns de euros que move son superiores ao valor total da Consellería de Cultura.

RETOS

Sobre os retos aos que se enfronta o sector na actualidade, Fasero apuntou ao 'contaxio dixital', que se iniciou na música e no audiovisual e que comeza a afectar agora aos libros co incremento no uso do e-book. 'Iso non é nin bo nin malo, indicou o director da Agadic que, non obstante, instou a que os integrantes do sector o teñan en conta e se adapten a esta circunstancia.

En contraposición, si considerou un problema a 'depreciación do produto cultural' sufrida a raíz da dixitalización dos contidos e, en particular, apostou pola loita contra a pirataría, unha materia coa que, sinalou, 'houbo e segue habendo moita condescendencia'.

Finalmente, Fernández Fasero apostou por implementar medidas que favorezan en mecenado cultural por parte de empresas a imaxe do que se fai, por exemplo, en Estados Unidos, onde a colaboración con proxectos culturais implica vantaxes fiscais para as empresas.

ENCONTRO ECONOMÍA E CULTURA

Artistas, creadores e empresarios danse cita dende este xoves en Santiago de Compostela para analizar novas fórmulas de cooperación para proxectos culturais no marco do Encontro Internacional de Economía e Cultura, que foi inaugurado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Durante a apertura do evento, Lorenzo destacou a necesidade de concibir o sector da cultura como 'un sector estratéxico' que persegue o 'desenvolvemento social e económico' e que supera 'o concepto de ocio para converterse nunha fonte de riqueza e xeradora de emprego'.

No marco deste encontro presentaranse experiencias de éxito, algunhas de elas procedentes de países como Portugal ou Suecia, que poden contribuír a dinamizar o 'sector empresarial e cultural' así como 'axudar a fortalecer o tecido produtivo galego'.

O sector cultural galego dá traballo ao dous por cento dos empregados da Comunidade e nel participan unhas 3.500 empresas que xeran 1.500 millóns de euros de facturación.

Te puede interesar