¡Buone visioni!

A fogueira das vaidades

Mariano Cohn e Gastón Duprat son uns cineastas arxentinos referentes na comedia satírica contemporánea. Con Ciudadano Ilustre (2016) e Mi obra maestra (2018)–esta última dirixida en solitario por Duprat-conseguiron despeluxar o mundo editorial e o dos galeristas. Baixo unha avalancha de risas, que se conducen principalmente grazas a un guion de ferro e uns actores moi solventes, enterraron sen piedade a maioría dos tics e dos tópicos do oficio artístico. Sen olvidar que aplicaron a mesma actitude no ámbito documental. En Todo sobre el asado (2016), por exemplo, metéronse de cheo e sen medo cun dos temas máis sagrados e intocables dos arxentinos: a preparación do asado.

No último Competencia oficial, a mirada dos dous irreverentes cineastas diríxese á industria do cine. Un magnate dunha multinacional farmacéutica decide investir algo da súa fortuna nunha película para cambiar a súa imaxe de cara ós cidadáns. Para chegar a cumprir o seu obxectivo quere o mellor e ós mellores. Compra os dereitos dun importante best seller-obviamente sen lelo. Contrata a unha cineasta aclamada pola crítica oficial, Lola Cuevas, e que só dirixiu tres películas, Lluvia invertida, El vacío e O silencio. Por suxerencia dela, ficha a dúas lendas; un actor moi coñecido no ámbito cinematográfico e un veterano da escena teatral. Co equipo artístico ó completo, no edificio baleiro da fundación que leva o nome do empresario, comezan a ter lugar unha serie de ensaios, sketchs e situacións absurdas que farán pedazos pouco a pouco o ambiente sagrado que rodea á sétima arte. Sen facer demasiado spoiler, a escena da escoita do vinilo de música contemporánea na casa dun dos actores, o excercicio sobre o ego e o momento dos bicos en dolby sorround, quizais sexan os puntos máis altos da sátira deste filme.

Competencia oficial é un filme que xira arredor do ego. Onde a loita ficcional dos dous irmáns protagonistas do libro, remata virándose nunha loita pola supremacía dun dos actores. Antonio Banderas non ten medo a construír o retrato dun intérprete que triunfou en Hollywood, un instagrammer máis preocupado pola epiderme da súa cara e polas cifras do seu caché, que polo valor dos papeis interpretatos. Tamén está a contraparte, o actor da vella escola de teatro, intelectual e pedante, interpretado polo excelente Óscar Martínez, que nos ofrece a outra cara do ego da industria. Finalmente está Penélope Cruz no papel da directora Lola Cuevas, quizais nun dos máis logrados da súa carreira. Un escenario bastante grotesco, o que retratan Cohn e Duprat, realizado cun minimalismo cirúrxico e case sen cambiar de localización.

Por último, case non fai falla repetilo, Competencia oficial é unha comedia cunha boa dose de cinismo. Non todos os sketchs deste filme son excelentes, seguramente algún destaca máis que outro. Non chega ao nivel de perfección de Ciudad Ilustre, pero a fórmula exitosa de Cohn e Duprat mantén o seu atractivo e funciona moi ben cinematograficamente.

Te puede interesar