'Galicia caníbal', un musical ao ritmo de Siniestro, Resentidos e Golpes Bajos

O musical 'Galicia caníbal', que en xullo se levará a teatros de cidades galegas, suporá unha banda sonora dos anos 80 e a 'movida galega', ao ritmo dos himnos de Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos e outros grupos míticos.
Segundo informaron os promotores, trátase dun espectáculo ideado por Antón Reixa, con dirección escénica de Quico Cadaval, música en mans de Pablo Novoa (ex-Golpes Bajos) e a dirección artística de Curru Garabal (Primos).

Está coproducido por Filmanova e Estrella Galicia e conta coa colaboración do Centro Dramático Galego (CDG).

'Galicia caníbal' comezará a súa andaina como musical en xullo deste ano nunha xira por teatros de diversas cidades de Galicia, para chegar en setembro ao Novo Teatro Alcalá de Madrid. Logo haberá en 2013 unha xira por Barcelona, Zaragoza, Bilbao ou Santander.

Unha das novidades da produción, indicaron os promotores, é que se organizarán cástings populares para darlle unha oportunidade a xente non profesional con talento para formar parte do reparto, aínda que tamén se realizará outro para actores e actrices de toda España.

No espectáculo soarán temas como 'Bailaré sobre tu tumba', 'Quienes somos? De donde venimos? Adónde vamos? (Siniestro Total); 'Sitio distinto', 'Sector naval' ou 'Galicia caníbal (Os Resentidos).

Tamén haberá espazo para 'Malos tiempos para la lírica' ou 'Fiesta de los maniquíes'(Golpes Bajos); 'Non me beses en los labios' e 'Soy unha punk' (Aerolíneas Federales); 'Lo estás haciendo muy bien' (Semen Up), así como temas doutras bandas da época como Radio Océano, Los Cafres, Bar, Moncho e mailos Sapoconchos ou Los Limones.

Te puede interesar