¡Buone visioni!

God save the queen

2WHHFPRSLZCNFPVRQBFP4INU5M.jpg_web

O 7 de setembro estreouse en España a miniserie Pistol, a través da plataforma dixital de Disney+, un día antes da morte de Isabel II de Inglaterra. A actuación dos Sex Pistols de “God save the Queen” nun barco polo Támesis para o xubileo de prata da raíña, volveu con prepotencia á actualidade. Entre o chiste e a blasfemia, esas imaxes do 1977 superpuxéronse ás do funeral de Isabel II e da elección do novo rei.

Creada por Danny Boyle e Craig Pearce, a serie Pistol conta con seis capítulos, cada un de 50 minutos de duración. Retrata con bastante fidelidade o nacemento da escena punk londinense, especialmente arredor dos Sex Pistols. O punto de vista principal é o de Steve Jones, alguén que tivo un papel fundamental na creación da banda con respecto a outras caras máis coñecidas como Jonny Rotten ou Sid Vicious, e a serie basease en gran medida nas súas memorias. Sobreviviou a unha infancia terrible, ignorado pola súa nai e cun pai abusón, Jones converteuse nun cleptómano. Grazas a uns instrumentos roubados, intentou montar sen éxito varias bandas antes de ser adoptado artisticamente polo manager Malcolm McClaren e a deseñadora da contracultura británica Vivienne Westwood. Aínda que a serie mantén principalmente o punto de vista de Jones, bastante espazo teñen as vivencias dous outros protagonistas. Jonny Lyndon “Rotten” non estará de acordo, pero a importancia de McClaren para o éxito do grupo resulta imprescindible. Lonxe de facer un monumento a McClaren, a serie inclúe igualmente as eleccións non propiamente acertadas do manager, como a desafortunada xira nos Estados Unidos que contribuíu á disolución do grupo. Entre a roña e a furia, o rescate e a destrución, hai espazo para contar a paixón entre a futura líder de The Pretenders, Chrissie Hynde e Steve Jones, ademais da historia de amor tóxico xa retratada no filme Sid e Nancy de Alex Cox (1986). 

Dentro das anécdotas menos famosas, recórdanse os comezos do director Julien Temple, xoven estudante de audiovisual apaixoado pola obra de Jean Vigo. Temple, impulsado por McClaren, despois dalgúns videoclips da banda, acabou dirixindo o inclasificable The great rock’n roll swindle (1980). Anos despois, Temple volverá aos Sex Pistols co gran documental The Filth and the Fury (2020). Boyle e Pearce fan amplo uso do material orixinal gravado por Temple, ademais de utilizar abundante material documental de arquivo -sobre todo nos primeiros 2 capítulos-, que axudan a describir a situación de crise económica e pobreza, estancamento cultural e incertidume, que estaba a vivir Gran Bretaña naquela época. Pistol mestura o documento coa ficción cun estilo aparentemente desenfadado e unha fotografía de tons vintage. En distintos momentos, os clips da banda e as reconstrucións ficcionadas chegan a fusionarse de maneira impresionante.

Un dos maiores riscos en retratar os movementos xuvenís é o de caer nos clichés, e Pistol non está exenta deses momentos. Algunha anécdota, quizais, está contada de forma demasiado caricatural, pero os actores que interpretan a Jonny Rotten, McClaren e os outros membros da banda, conseguen un resultado crible que permite obviar algún esvaramento de máis.

No 1977, a “anarquía en UK’” non chegou a materializarse. Gran Bretaña entrou nunha nova crise e son malos tempos pola monarquía. A foto de Isabel II cun imperdible na nariz volveu a aparecer en redes. As notas de “God save the Queen” e o grito de “no future” retumban no río mediático reaccionario. O punk non morreu. A súa mensaxe segue viva.

Te puede interesar