ARTE ET ALIA

Os grandes vieiros de “Nós" a Santiago de Compostela e Santo André de Teixido

Ilustración da capa d'O camiño de Nós por Miguel Robledo.
photo_camera Ilustración da capa d'O camiño de Nós por Miguel Robledo.

Os intelectuais da Revista "Nós" descubriron as terras de Galicia camiñando cara Compostela, e tamén Teixido. O vivido nas peregrinaxes por Risco e Otero, que fixeron as dúas, as pegadas das xentes do rural e os feitos visibles que definen as nosas paisaxes dende a prehistoria déronlles azos para os anos a seguir. Nelas deixaron as súas pegadas co Grupo que ao seu redor se xuntou cara a tumba do Apóstolo entre o oito e o once de xullo de 1926 co gallo do Ano Santo, plan continuado en 1927 até santo André de Lonxe, mergullándose desta volta Risco e Otero con Ben-Cho-Shey nunha raizame de fondo alento anterior á cristianización. Porque a peregrinación ao santuario do Cabo do Mundo foi a segunda das follas dunha simbólica porta, e a culminación dun sono. Ata aquí camiñei en 2005 seguindo os seus pasos, logo da lectura proveitosa das Pelerinaxes I, 1929, regalo do Dr. Juan Luis Saco, amigo e profesor merecente de que lle dedique este artigo. 

Outro sono ben de ver a luz: o libro baseado nos artigos de Xavier Pardo en "A Nosa Terra", "No Camiño de San-Yago. Vieiros de Fé Vieiros de Ideais". Saíu do prelo en xullo pasado, o do Centenario de "Nós", publicado por Aira editorial e impreso en Portugal, coa edición de Luís González Tosar e patrocinio da Deputación Ourense. Magníficas as fotos de Xulio Gil, un grande da fotografía, con ilustracións de Miguel Robredo na capa e o interior, fermosas, e acuarelas de Isabell Seidel. Presentado na feira do libro de Ourense, chéganos como agasallo neste tan especial Ano Santo Compostelán 2021/2022. 

Otero Pedrayo e Risco comandaron o grupo que saíu de Ourense pola ponte nova con Lois Feixoo, Antón Sánchez e Xavier Pardo o xoves 8, a pola costiña de Canedo, Amoeiro e Maside chegan ao Carballiño, onde dormen. O venres foi o día da gran camiñada, entre as Terras de Deza e Trasdeza, polo Irixo cara Silleda. Aquí únenselle Cuevillas e Alfonso V. Monjardín, e "dimpois de solemnizar grandemente o seu arribo, co-a entrega de sendos tidoos de 'Capitán Araña'" baixan cara a Ponte Ulla, onde durmiron. Aquí tamén o fixemos nós, tanto ao pasar a ponte, onde se come ben, e doutra volta anos atrás cando fun con alumno de bacharelato no lugar onde os sete pasaron a noite. Pois logo de ter os textos de Pardo, agasallo de Afonso Vázquez-Monxardín antes do libro, púxenme a elo. E como eles tamén baixamos cantando cara o río límite coa provincia da Coruña, malia durmir ao pé do Pico Sagro, preto da fonte da Raíña Lupa, a carón da capela do Santiaguiño, sentimos o seu acubillo. No cumio do Pico xuntáronselles Lois Tobío, Ramón Martínez, Wenceslao Requejo, Noya e, segundo Afonso tamén Antón Fraguas. Dende a Susana por Pontepedriña, entraron en Compostela de noite. E coa "Compostela" nos petos regresaron ledos. Lembralo no comezo da primavera permítenos albiscar algo da forza da Terra e dos esforzos distes xigantes de Galiza. Así se pode ver na exposición "De Nós a nós".

Te puede interesar