ARTE ET ALIA

Gravados de Xosé “Poldras" en Ourense e Celanova

Xosé Poldras, diante da súa obra, en Celanova.
photo_camera Xosé Poldras, diante da súa obra "Eu" en Celanova.

Amosa Xosé "Poldras" o seu impulso coas exposicións que ten a un tempo en Celanova e Ourense. Chegan nestes días do outono, curtos xa en horas de luz, mais dabondo fermosos, sobre as ondas das vides nos mares do Ribeiro, e tamén nas follas especiais de papel Michel nas que plasma a maxia da súa creatividade. Está a expresar a súa madureza como mestre nas técnicas, utilizando con creatividade linóleo, gofrado, colografías e xilografías, esta última coa dificultade engadida do traballo de talla na madeira. A multiplicación da súa presenza é un regalo colateral da covid-19 pola que se adiou algunha das mostras. Así na nova Biblioteca Pública ourensá desprega varias carpetas relacionadas coa literatura. Son poemas e gravados que se propoñen reforzar o rechamante espazo que pretende converterse en algo máis que un lugar de estudo ou Unha das carpetas do artista na biblioteca de Ourense_resultadoconsultas bibliográficas. O artista escolleu como título para a mostra o da carpeta de colografías "Traballar cansa", en simetría co poema homónimo de Cesare Pavese co que unifica a súa primeira colección de poemas. Neles latexa dende o primeiro verso a soidade, como ten analizado Cáceres Peña. No feixe está “Ícaro”, linóleos dedicados ao mito dende as mans, base do voo para saír do labirinto cretense. Son as mans do gran Dédalo, excelso arquitecto e creador imaxinativo, que descubre coa fuxida a dor da perda do fillo. Oito son as xilografías de "Horizontes", simbólica peza. Hai carpetas inspiradas nos grandes poetas Celso Emilio Ferreiro e Agustín García Calvo. De Xabier Ron son as colografías "In tempus veritas", cos seus poemas a man; e cos microrrelatos de Eloi Hervella, "Soños da morada aberta", linóleos, técnica tamén utilizada na “Luva negra”, poemario de Alicia López. Pon o ramo do elenco a carpeta "Nós", presentada na Fundación Risco, Allariz, en coincidencia coa apertura da biblioteca, bautizada recentemente como "Nós", que é digna coroa da exposición. 

En Celanova "Gravados e monotipos para a Xeración Nós"

Eis unha acaída mostra artística a da Casa dos Poetas no nº37 na que está a Fundación do eximio poeta do Rexurdimento decimonónico galego Curros Enríquez. Son oitos estampas monocromas con xentes que pasean, traballan e pensan, outros son equilibristas, contorsionistas ou bailaríns, imaxes para composicións intercambiables. A carpeta conten unha cita tomada dun relato de Vicente Martínez-Risco "Dedalus en Compostela", aparecido na revista Nós nº67 do 25 de xullo de 1929. Outra parte está dedicada aos pronomes persoais: nun recuncho expositivo hai unha sucesión montes, os da súa infancia: "Eles"; e os lados "Elas", sete andoriñas pousadas nun cable, que viaxarán veloces e resistentes cos seus aerodinámicos corpos a afastados ceos na procura das felices temperaturas. E "Vos", elaborada elipse dende "A danza" de Matisse, na que prescinde dun bailarín. "Eu" semella unha sombra, "El" e "Ela" son a cara e a cruz dunha prancha plana, paredros na forma e o ser. E "Ti" é unha singular cunca de viño; negra do carbón dun incendio, granate dos pousos da cuba, e ocre da terra da bodega nas terras Tameirón, A Gudiña, de onde é o seu alcume.

Parabéns!

Te puede interesar