Tribuna

Hemeroteca e arquivo dixital

Arquivo da Fundación Penzol.
photo_camera Arquivo da Fundación Penzol.

Marcos Valcárcel falaba no seu libro "A prensa en Ourense e a súa provincia" de 1987, da extrema dispersión dos materiais

Non existe. Pero, seguramente, debería. Podíase chamar Marcos Valcárcel, méritos sóbranlle ao amigo, pero el estaría de acordo en darlle preferencia ao cuarto pé do Rexurdimento quen fóra unha rúa e un busto non ten máis lembranza, a pesar do seu rol de creador da prensa en galego c’O tío Marcos d’a Portela e ser o verdadeiro salvador do Rexurdimento na década de 1890. Vexamos. 

Hai varios centros de investigación sobre a memoria a prensa e a documentación en Galicia. O Arquivo da RAG na Coruña, cos fondos da institución, desde 1906, e de moitos académicos, e cunha boa parte da súa hemeroteca dixitalizada e on line xa;  o Arquivo da Fundación Penzol en Vigo, cos fondos que Fermín Penzol e Del Riego xuntaron provenientes de persoeiros do galeguismo do XX,  cunha parte dixitalizada na rede, e formando hoxe parte vertebral da custodia interpretativa ─con certo aire de monopolio─ da memoria galeguista do conglomerado Galaxia;  a Biblioteca e Arquivo da Deputación de Pontevedra obra, nutrida do bo facer de Filgueira Valverde e cun bo portal na rede, ATOPO; e Galiciana, o portal institucional autonómico de Biblioteca, Hemeroteca e Arquivo Dixital de Galicia, dependendo da Xunta e con conexión con moitas bibliotecas e arquivos do país, entre eles algúns dos citados. Ao lado están outras institucións como o Centro de Humanidades Ramón Piñeiro e o Consello da Cultura Galega ou o Parlamento Galego, con candansúas páxinas cheas de facsímiles e información dixitalizada, ou o completísimo catálogo Iacobus da Biblioteca da Universidade de Santiago.

Fóra destas institucións hai outras dúas, extraordinarias, que destacan por non teren nada dixitalizado na rede, nin catálogo nin fondos: A biblioteca do Mosteiro de Poio froito, en boa parte, da doazón do bibliófilo ourensán Antonio Rey Soto en 1958,  e a Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, riquísima en fondos e epistolarios e obxecto da sinatura dun convenio entre a institución local e a Xunta de Galicia, hai menos dun ano, polo que se integra na Rede de Bibliotecas de Galicia quen lle proporcionará ferramentas e know how de xestión, ao tempo que expandirá a posibilidade da súa consulta na rede. 

Dentro desta liña de colaboración, creo que sería preciso impulsar un proxecto “Hemeroteca e Arquivo Dixital de Ourense” centrado nos recursos documentais contemporáneos desta cidade e provincia, tan maltratada e con tanta exportación de documentación. Se os materiais de Rey Soto foron para Poio e os de Otero Pedrayo para Vigo, por vontade de ambos persoeiros en cadansúa circunstancia, foi porque Ourense, daquela, non deu xerado, institucionalmente, capacidade de atracción. Hoxe o mundo dixital sitúanos na posibilidade de compartir os documentos -a información─ sen mover os soportes ─os papeis─ de onde están, de aí que as institucións ourensás poidan ─e deban─ involucrarse especialmente na promoción da conservación, dixitalización, organización e difusión deses materiais nas redes, máxime tendo en conta o papel “nutricio” do poder ourensán con boa parte deses axentes.

Marcos Valcárcel falaba no seu libro “A prensa en Ourense e a súa Provincia” de 1987, da extrema dispersión dos materiais, e destacaba quince grandes coleccións institucionais, e iso que non tivo acceso a unha, sen dúbida,  principal, como é a do Arquivo Municipal de Ourense. Hai coleccións de prensa que se completan entre varias orixes e para refacer ese puzzle, un impulso de base local baseado na dixitalización ambulante é clave. Unha posible Hemeroteca e Arquivo Dixital ─coa intención de colgar en aberto os materiais─ debería tecer fíos en vez de crear novas estruturas, aproveitar as sinerxias e cartos que hai en múltiples proxectos institucionais para a dixitalización de fondos. Fondos como os xornais “El Miño” (1898-1912), “El Heraldo de Orense” (1928-30), “El Heraldo de Galicia” (1931-36), “Galicia”  (1930-37), “Misión” (1937-1944), “La República” (1930-31), “Fin de Semana” (1962-62)... transcendentes  para a nosa historia, son algúns dos que se poderían reconstituír contando coas dixitalizacións de lugares como os sinalados e outros moitos, como a Hemeroteca Municipal de Madrid, a Biblioteca Nós de Ourense, a do AHPO, a do Mosteiro de Poio, a do Instituto Padre Sarmiento, e etcétera do que falaba Marcos.

Tamén podería ser obxecto deste impulso, dixitalizar os interesantísimos epistolarios de Ben Cho Shey, Blanco Amor, Cuevillas, Taboada e outros ourensáns aos que se puidese acceder. Unha magoa que nin a Fundación Otero Pedrayo, nin a nutricia Deputación de Ourense teñan ningún papel nin retorno especial no convenio asinado do 26 de novembro pasado entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol para a dixitalización do epistolario de cartas a Otero. Pero en calquera caso, a integración vía enlaces de todos os fondos é o obxecto e paixón da cultura dixital. 

E tamén se poderían sumar os revistas e libros sobre Ourense, de onte e hoxe. Desde a Auria de La Región de hai anos, á Orense da Deputación de David Ferrer e Vitorino, os Boletíns Auriense, Porta da Aira, Minius, Lethes, El Miño... Ata os libros con dereitos de autor caducados ─ou cedidos─ que fosen de interese para Ourense.  Un punto de encontro dixital no incluír enlaces a revistas e libros xa na rede (como Contos, leendas e tradicións de Ourense” de Heráclio Pérez Placer, na BNE, ou o Nós, en Galiciana), combinando coa creación doutras dixigtalizacións novas, como de Dos días en Orense de Álvaro das Casas, ou as Cosas de Orense de Florentino Cuevillas.

Imaxino, tamén, un oco principal ás coleccións de fotografías que xorden por vilas e cidades e incluso, e un oco de dixitalizacións de palabra e música local. Cumpría preparase para o novo mundo dixital, organizando o traspaso da memoria do vello e real. 

A dixitalización debe permitirnos ollar sobre o noso pasado, libremente.

Te puede interesar