Investigadores recompilan en Galicia os testemuños do románico ibérico

Un equipo de 13 historiadores e arquitectos traballan na Coruña, Lugo e Ourense co fin de recompilar os testemuños románicos destas tres provincias galegas, que despois formarán parte da 'Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica'.

A iniciativa é un dos maiores esforzos de documentación do patrimonio cultural, liderada pola Fundación Santa María la Real en coordinación co Ministerio de Cultura, en que interveñen un total de 167 investigadores repartidos tamén nas catro provincias de Cataluña e en Huesca.

En Galicia, o traballo consistirá en documentar e catalogar todos os testemuños románicos de cada lugar, mediante a realización de fichas explicativas.

Esta información será completada coas correspondentes fotografías e levantamentos planimétricos de cada edificio que elaborarán os arquitectos.

Nun comunicado, a fundación indica que os traballos se desenvolverán ao longo de nove meses e espérase que o proxecto sexa completado para 2012.

A intención da Enciclopedia, explica o escrito, é achegar tanto á comunidade científica coma ao gran público 'unha visión completa da arte románica de toda unha época, das súas xentes e da súa historia'.

Te puede interesar