Jeff Wall expón no CGAC o fotoconceptualismo das súas 'caixas de luz'

Foto: EFE/Lavandeira jr
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abrirá ao público, a partir de mañá sábado, a exposición do fotógrafo Jeff Wall, un dos artistas encadrados no fotoconceptualismo, movemento artístico xurdido a finais dos sesenta en Vancouver, cidade da costa oeste canadense da que o artista é orixinario.

Un dos aspectos que caracterizan as fotografías de Jeff Wall é a utilización de caixas de luz, maioritariamente de grandes proporcións, o cal produce un efecto cinematográfico da obra.

'O cinema non é máis que unha forma peculiar de observar fotografía', afirmou hoxe na presentación da mostra.

O artista estivo acompañado no acto polo conselleiro de Cultura da Xunta, Roberto Varela; o director do CGAC, Miguel von Haffe, e o comisario da mostra, Joel Benzakin.

A exposición que se exhibe no CGAC até o día 26 de febreiro leva por título 'The Crooked Path' (O Carreiro Sinuoso) e explora a relación entre a creatividade do artista e as súas influencias.

É por iso polo que Jeff Wall sostén que 'a arte non ten historia, sempre acontece no presente'. 'Unha obra clásica como 'As Meninas' continúa a se considerar arte nova', afirmou.

Foi a escasa distancia desa pinacoteca, durante unha visita ao Museo do Prado, en 1977, onde o artista recoñeceu que se sentiu 'cegado' polas obras de Velázquez que nel están expostas, principalmente polo cadro 'As Meninas'.

Dentro dos clásicos, o artista canadense recoñeceu tamén sentirse moi atraído por pintores como Paul Cézanne ou Edouard Manet.

O núcleo da exposición do CGAC constitúeno 25 traballos de Jeff Wall que van desde os anos setenta até a actualidade, en diálogo cunha selección de obras doutros 59 autores.

'The Crooked Path' é a máis completa mostra da obra do prestixioso fotógrafo realizada até agora en España, país que xa visitou en 1994 recalando no Centro de Arte Raíña Sofía.

O conselleiro de Cultura do Goberno galego, Roberto Varela, presente na rolda de prensa, indicou que a mostra de Wall fará do CGAC un dos focos de atención da crítica artística internacional.

Non en van, museos da importancia do MOMA de Nueva York ou da Tate Modern de Londres, acolleron xa con grande éxito as 'caixas de luz' de Jeff Wall.

No CGAC o público poderá observar e comparar as obras deste último coas doutros artistas históricos e contemporáneos, como Diane Arbus, Eugène Atget, Bill Brandt, Walker Evans, Robert Frank, Helen Levitt, Wols, Heinrich Zille, e outros máis novos como Thomas Ruff, Luc Tuymans ou Kai Althoff.

As actividades relacionadas co artista canadense continuarán na segunda quincena de novembro co concerto 'Jeff Wall: retrato sonoro', encadrado no ciclo 'Música e arte. Correspondencias sonoras', que vincula as exposicións do CGAC coa música contemporánea.

Te puede interesar